Por Qué Okupar?

Non existe unha única interpretación dos porqués da okupación, os motivos son moitos e moi variados, e dependen do uso que lle vaias dar ao espazo. Obviamente non é o mesmo unha okupación de vivenda que un proxecto social que quere agromar desde un espazo okupado. Pese a isto, si podemos facer unha pequena análise do que sigfica a okupación para nós.

Ante todo, debemos ter en conta que no momento de tomar un espazo desocupado, estamos a arrincalo do fluxo mercantil do sistema, que precisa abandonar edificios enteiros e continúa a construir tantos outros de forma innecesaria, mentres o acceso á vivenda é cada día máis complicado. Esta contradición entre as problemáticas de habitabilidade da poboación e o paradigma do continuo crecemento económico é a primeira carta que xogamos como argumentación a favor da okupación, dado que a nosa tarefa non é un capricho pueril e pasaxeiro, senón unha necesidade real para un amplísimo sector da sociedade, que se ve na imposibilidade de optar á vivenda se non é a costa de hipotecarse de por vida, nin de poder desfrutar dun lugar de encontro e socialización coma pode ser un Centro Social.























Neste escenario no que vivimos, todos os nosos dereitos son mercantilizados, vóltanse case inexistentes, posto que o individuo tan so ten dereitos na medida en que forma parte da cadea produtiva, así pois; precisas ser explotadx a cambio dun salario para poder ter acceso a unha vivenda, á comida, á roupa... estes dereitos básicos garantidos por crípticos corpos xurídicos, fican, cada vez máis, no terreo da exclusividade, por mor das altas taxas de desemprego e exclusión social. Neste sentido, okupamos como reacción ao abandono ao que o Estado despoxou os nosos dereitos.

Porque okupar tamén significa perder o medo ao castigo das leis, e de facer o que realmente consideramos xusto.

A okupación coma unha ferramenta que pode servir para duas cousas; 1) para vivir sen alimentar á besta do capitalismo; arrincando a necesidade da vivenda da lóxica mercantil, e 2) coma estratexia con capacidade fomentar o cambio social, lugares de debate e de creación antisistema, devolvéndolle ao individuo a humanidade que o caracteriza, desfacéndonos da monetarización e dominación que conlevan boa parte das relacións sociais.

Para entender dunha vez por todas que os dereitos non deben ser concesións que os Estados fan á súa poboación, senón construcións asentadas sobre unha determinada estrutura comunal, independente de toda intención de Poder, e que responda realmente ás necesidades colectivas da sociedade.

Dito en outras palabras:

Vivir é gratis se lle botamos coraxe! Nós plantexamos a okupación desde a perspectiva da conquista dos nosos dereitos. Unha forma de tomar partido ante a situación de precariedade á que nos vemos abocadxs, ante o futuro de escravitude asalariada á que nos vemos obrigadxs. Non tes casa? Okupa ti tamén! Constrúe alternativas!

Xa sexa simplemente para vivir ou para montar un proxecto social, a okupación concede a posibilidade de empregar todo tipo de lugares sen pagar un céntimo, ao tempo que atacas ao neoliberalismo na súa liña de flotación: a súa sacrosanta propiedade privada. Pois a okupación, en si mesma, é rebeldía. Supón un plantexamento conflitivo contra o actual estado de cousas que defende o dereito dun único individuo ou empresa a acumular centos de propiedades inmobiliárias, aínda que estas fiquen en desuso, antes que o dereito colectivo á vivenda.

A okupación serve para deixar claro que nós non cremos nese Dereito da falsa Xustiza, para transgredilo e mudalo, e sobre todo, para poñer en funcionamento ducias de experimentos de organización social que teñan por principios a Autonomía e a Autoxestión.





Sem comentários:

Enviar um comentário